O CIS volve aos cursos de verán de El Escorial con ‘Sexo e poder. Tendencias, identidades e patróns erótico-sexuais e de poder nas sociedades do século XXI’
O curso “Sexo e poder. Tendencias, identidades e patróns erótico-sexuais e de poder nas sociedades do século XXI” preséntase como un espazo de análise e reflexión sociolóxica sobre a sexualidade, as identidades, os vínculos afectivos e as estruturas de poder nas sociedades actuais. Desde unha perspectiva académica rigorosa, o curso pretende examinar como os patróns sexuais e as desigualdades asociadas ao sexo e ao xénero desempeñaron historicamente un papel central na configuración da orde social, cultural e institucional.
Nas últimas décadas, as transformacións nas formas de vida, nos modelos familiares e nas relacións íntimas situaron a sexualidade no centro de importantes debates sociais e políticos. A crecente visibilidade da diversidade sexual, os cambios nas pautas relacionais e a aparición na escena social de novas tensións culturais fan necesario dispoñer de marcos interpretativos que nos axuden a comprender estes procesos desde unha perspectiva tanto estrutural como dinámica. Neste sentido, o curso procura achegar datos e ferramentas de análise que permitan interpretar as tendencias actuais no ámbito erótico-afectivo-sexual e a súa conexión con dinámicas máis amplas do cambio social.
Un dos principais obxectivos do programa é afondar no estudo do sexo como dimensión atravesada por relacións de poder, dominación e control simbólico. Lonxe de constituír un ámbito exclusivamente privado, a sexualidade está vinculada a xerarquías sociais, a mecanismos de regulación cultural e a tendencias e discursos normativos que inflúen nas experiencias individuais e colectivas. O curso aborda estas cuestións atendendo tanto ás súas raíces históricas (como as estruturas patriarcais) como ás súas manifestacións máis actuais.
Así mesmo, o curso presta especial atención ás transformacións recentes dos vínculos afectivos e relacionais. O cuestionamento dos modelos tradicionais do amor, a diversificación das formas de convivencia, as tendencias de secularización e a redefinición das normas sexuais constitúen fenómenos relevantes para comprender a evolución dos valores e patróns sociais no século XXI. Estas dinámicas analízanse no marco das novas sociedades avanzadas caracterizadas por procesos de individualización, dixitalización e cambio cultural acelerado.
Outro obxectivo fundamental consiste en incorporar unha perspectiva vital e xeracional, considerando a sexualidade en relación cos ciclos de vida, as funcións de reprodución, a autonomía corporal e as construcións identitarias. Especialmente no caso da mocidade, as experiencias sexuais desenvólvense en contextos marcados por novas formas de socialización e interrelación dixital, o que require unha análise actualizada desde as ciencias sociais.
Finalmente, o curso aspira a propiciar un debate académico e institucional de alto nivel, reunindo a especialistas en socioloxía, estudos de xénero e análise da realidade social, xunto con representantes do ámbito público. A través de relatorios e debates, preténdese contribuír a unha comprensión máis ampla das transformacións en curso en materia de sexualidade e poder, así como dos retos sociais e democráticos que estas cuestións suscitan nas sociedades actuais.
Consulta a descrición do curso e os relatores na páxina web dos cursos de verán da UCM.
O CIS volve á UIMP co curso de verán ‘Sexo, xénero e poder. Tendencias, identidades e patróns erótico-sexuais e vitais nas sociedades do século XXI’
O curso oriéntase a analizar as transformacións que están a ter lugar arredor da sexualidade, das identidades sexuais, dos vínculos afectivos e das relacións de poder nas sociedades actuais.
Os contidos do curso permitirán afondar nos fundamentos históricos da sexualidade, nas relacións entre sexo e poder, na evolución dos modelos de amor e de vínculo afectivo, así como nas novas formas de socialización sexual en contextos dixitais.
Así mesmo, analizaranse os cambios que se están a producir nas prácticas sexuais, na construción de identidades e nos ciclos vitais da sexualidade, prestando especial atención á mocidade.
O curso conta, ademais, coa participación de académicos e especialistas nacionais que ofrecerán unha visión panorámica sobre a sexualidade no século XXI.
- Consulta toda a información do curso na páxina da UIMP: Sexo, xénero e poder. Tendencias, identidades e patróns erótico-sexuais e vitais nas sociedades do século XXI.
- Se precisas solicitar unha bolsa para asistir ao curso: Bolsas para cursos avanzados - Convocatoria 2026 - UIMP