PRESENTACION

PRESENTACION

O Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) ten como principal función o estudo das actitudes e os comportamentos da sociedade española, así como a medición da súa estabilidade e cambio ao longo do tempo. Este anuario forma parte dunha serie iniciada en 2012 que recolle, de xeito sintético, os resultados dos barómetros de opinión mensuais realizados, mediante a aplicación de enquisas persoais, no ano 2014. Nel preséntanse preguntas de especial relevancia, algunhas das cales se repiten mensualmente, mentres que outras responden ao carácter monográfico de cada unha das sondaxes. Con iso preténdese trasladar o público, dun xeito máis visual e próximo, unha selección dos datos xerados anualmente por esta institución.

O presente volume consta dun primeiro apartado dedicado a unha descrición detallada da metodoloxía utilizada ao longo deste documento, dez capítulos temáticos e un anexo coas fichas técnicas dos estudos utilizados para este anuario. Os dous primeiros capítulos teñen carácter lonxitudinal, e neles recóllense as percepcións sobre a situación económica e política, e a valoración do goberno e a oposición. Ségueno oito capítulos monográficos, nos que son abordados temas como os idiomas, a corresponsabilidade, os hábitos de consumo, o deporte, a sociabilidade e as tecnoloxías da comunicación, os hábitos sociais, a práctica da lectura e a opinión sobre política fiscal.

As táboas presentadas permiten entender que tipo de persoas entrevistadas son máis propensas a albergar cada unha das opinións recollidas nas enquisas, segundo unha selección de características. Entre elas cóntanse trazos sociodemográficos como o sexo, a idade, os estudos realizados, a situación laboral, o estado civil ou o status socioeconómico, pero tamén outros como o tamaño do municipio onde reside, a ideoloxía, o recordo de voto e a práctica relixiosa. Deste modo, ademais de presentar, de xeito xeral, a opinión das persoas entrevistadas, este anuario ofrece a posibilidade de particularizar para grupos concretos.

As bases de datos utilizadas para a creación deste anuario, así como todas as enquisas, series e preguntas realizadas polo CIS dende 1999, están dispoñibles na súa páxina web (www.cis.es) para ser consultadas ou descargadas gratuitamente.

arrow_back