Páxina de inicio Debuxo de raias Páxina de inicio
 BIENVENIDOS   BENVINGUTS   ONGI ETORRI  BENVIDOS  WELCOME   BIENVENUS 
INFORMACIÓN XERAL Versión para imprimir Versión para imprimir
CIS Publicacións Información xeral


O CIS leva a cabo unha intensa actividade editorial co obxecto de difundir as investigacións máis relevantes que se realizan no ámbito das ciencias sociais, así como de promover a explotación dos datos que xera a propia institución para contribuír a un mellor coñecemento da sociedade española. Todo isto ten lugar mediante un proceso de estreita colaboración coa comunidade docente e investigadora española e internacional. Froito de toda esta actividade son as seguintes publicacións:


Revista Española de Investigaciones Sociológicas (REIS)


É unha publicación trimestral que comezou a editarse en 1978, continuando o labor iniciado pola súa antecesora, a Revista Española de la Opinión Pública, publicada polo Instituto de la Opinión Pública. A súa traxectoria histórica e o alto nivel de calidade esixido aos seus artigos convertérona nunha das revistas de referencia máis importantes dentro das áreas de Socioloxía e Ciencia Política, tanto no noso país coma nos demais países de fala hispana. Así mesmo, cada vez é máis importante a súa incidencia no ámbito internacional, como demostra a súa recente inclusión nos prestixiososSocial Sciences Citation Index e SCOPUS.

Os artigos e notas de investigación orixinais que se reciben para ser publicados na REIS seguen un proceso de selección que responde a estritos criterios de rigor e calidade, no que se conta sempre co ditame de polo menos dous especialistas externos ao CIS, observando o anonimato tanto dos autores/as coma dos avaliadores/as. Este sistema de selección e avaliación é o mesmo nas demais publicacións do CIS.


Monografías e Academia


A colección Monografías componse, polo xeral, de traballos de investigación inéditos en lingua española dedicados monograficamente a algunha área ou tema das ciencias sociais. A finalidade desta colección é difundir traballos de actualidade, contrastada relevancia e calidade científica, polo que na súa selección se empregan os criterios máis esixentes, con avaliación anónima e por pares. Nesta colección teñen cabida as mellores teses de doutoramento presentadas no campo das ciencias sociais (sempre que se presenten nun formato académico); as obras de relevancia internacional que, por distintos motivos, non foron traducidas ao español; e calquera outra investigación monográfica que cumpra os requisitos de rigor e excelencia sinalados anteriormente.

A colección Academia está dedicada a compilar traballos breves sobre un tema específico da realidade social ou política nun volume ideado expresamente para presentar diferentes puntos de vista sobre este. Na súa elaboración participan especialistas do ámbito nacional e/ou internacional. Cada volume está dirixido por editores ou compiladores que garanten o seu carácter exhaustivo, de xeito que se ofrece ao lector unha visión de conxunto do tema analizado.


Cuadernos Metodológicos


Os Cuadernos Metodológicos están orientados tanto ao investigador interesado nas técnicas e recursos metodolóxicos coma aos estudantes que se enfrontan coa súa aprendizaxe. O seu enfoque eminentemente práctico e o seu marcado carácter pedagóxico fan que sexan sumamente útiles para a investigación e a docencia.


Opiniones y Actitudes e Elecciones


A colección Opiniones y Actitudes cumpre a función de divulgar análises empíricas de datos xeralmente producidos polo CIS, facendo especial fincapé na presentación e descrición dos resultados, máis que na vontade de teorizar ou de establecer vínculos causais entre variables. Ten ademais a pretensión de ser de doada lectura para un público non necesariamente especialista, e o seu tamaño non debe superar as 125 páxinas.

A partir de xuño de 2010 esta colección empezouse a editar en formato electrónico e pódese consultar e descargar de forma gratuíta a través da web do CIS. Esta descarga poderá facerse en tres formatos diferentes, segundo as necesidades do lector: PDF accesible descargable, e para visores electrónicos EPUB e PDF adaptado. Os lectores que queiran o libro encadernado en papel poderán adquirilo nas plataformas de impresión baixo demanda que figuran no catálogo desta colección.

A colección Elecciones pretende recoller traballos monográficos sobre cada unha das convocatorias electorais (xerais, autonómicas, municipais e europeas) que teñen lugar en España dende 2004. Estes traballos, coordinados por un equipo editor, presentan achegas de grupos de investigadores que axudan á comprensión dos principais aspectos relacionados co comportamento electoral dos españois, explotando as enquisas preelectorais e postelectorais realizadas polo CIS. Dende 2008, realízanse convocatorias públicas destinadas a recoller propostas de distintos equipos de investigadores do ámbito académico, e adxudícase o contrato de edición, unha vez superados os filtros correspondentes, á proposta que o Consello Editorial considera que está mellor formulada e avalada por mellores especialistas na materia.


Clásicos Contemporáneos


A colección Clásicos Contemporáneos alberga obras dos máis prestixiosos sociólogos e politólogos contemporáneos. Mediante a mesma preténdese dotar de fontes de apoio de calidade á docencia universitaria.


Debate Social


Debate Social é unha colección que o CIS coedita coa Universidade Complutense de Madrid. A súa finalidade é facerse eco dos asuntos máis candentes de natureza social e política que se están a presentar no debate público actual. Trátase de fomentar a elaboración de investigacións rigorosas, de carácter tanto teórico coma empírico, que sirvan para orientar a reflexión pública en relación aos devanditos asuntos.


Clásicos del Pensamiento Social


A colección Clásicos del Pensamiento Social recolle obras que ocupan un posto importante na historia das ciencias sociais, pero que son inéditas en castelán ou non están dispoñibles. Esta colección ofrece a ocasión para que obras españolas deste tipo poidan poñerse a disposición dos lectores de hoxe.


Fuera de Colección


Os libros que polas súas características especiais non teñen acomodo nos apartados anteriores publícanse en Fuera de Colección, como é o caso das homenaxes ou algunhas obras en coedición con outras institucións.


Publicacións anteriores do CIS


A colección Estudios y Encuestas tiña como finalidade divulgar os resultados de estudos empíricos producidos no CIS, comentando e contextualizando de xeito sinxelo e accesible a presentación de marxinais e cruzamentos e destacando os achados máis relevantes dende unha perspectiva descritiva.

Nos Documentos CIS publicáronse textos que, polo seu contido, non se acomodaban nas restantes coleccións do CIS, pero que merecían ser difundidos por seren de utilidade, como, por exemplo, os documentos de traballo ou as transcricións das intervencións que se produciron nos Encontros CIS-Universidade. Deixaron de publicarse en 2004.

No Boletín Datos de Opinión recollíase información sobre os datos máis relevantes das enquisas elaboradas polo CIS, expostos de xeito claro e conciso e incluíndo unha sección de "series temporales", de tal maneira que resultaban útiles tanto para a comunidade académica coma para o público en xeral. Deixaron de publicarse en 2005.

CIS · Montalbán, 8 · 28014 Madrid · España | e-mail: cis@cis.es