arrow_back
 

¿Chamou o CIS á súa porta?

¿Que é o CIS?

O Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) é un organismo público que ten como obxectivo principal o estudo da sociedade española, labor que vén desenvolvendo dende 1976.

Leva a cabo esta tarefa fundamentalmente a través da realización de enquisas nas que se pregunta á xente a súa opinión sobre temas diversos da actualidade socioeconómica e política (sanidade, educación, inmigración, entre outros).

Interésanos a súa opinión...

As enquisas do CIS permiten saber que pensamos, que queremos ou como actuamos as persoas que vivimos en España.

Esa información é fundamental para que os investigadores sociais poidan estudar a nosa sociedade e a súa evolución, para deseñar políticas públicas que poidan responder ás necesidades e demandas da poboación, e, en xeral, para coñecer mellor como somos.

Desta forma, pódese saber cales pensa a poboación que son os problemas máis importantes de España, ou a súa valoración da situación económica e política.

Todos os resultados das enquisas do CIS son públicos e poden consultarse gratuitamente a través do Banco de datos do CIS.

¿Que é e como se fai unha enquisa?

A enquisa é unha técnica de investigación que, cunha marxe de erro pequena, permite coñecer a opinión dunha poboación xeral preguntando só a unha parte dela.

Consiste en realizar unha serie de preguntas sobre un tema a unha mostra de persoas seleccionadas seguindo unha serie de regras científicas que fan que esta mostra sexa, no seu conxunto, representativa da poboación xeral da que procede.

A maior parte das enquisas do CIS consisten en entrevistas persoais que realizan no domicilio das persoas seleccionadas por entrevistadores e entrevistadoras, debidamente acreditados e formados polo CIS para o desenvolvemento desta tarefa.

Pode obter máis información sobre o xeito en que se fai unha enquisa no CIS premendo aquí.

A súa colaboración é fundamental

A colaboración das persoas seleccionadas para participar nunha enquisa do CIS é voluntaria, pero fundamental para conseguir que os seus resultados reflictan as opinións do conxunto da sociedade.

A enquisa non é un exame, e non hai respostas correctas ou erróneas: buscamos a súa opinión sincera ao contestar. En calquera momento da entrevista pode elixir non contestar algunha pregunta, se así o desexa.

Todas as respostas son anónimas, protexidas polas leis do segredo estatístico e de protección de datos. As respostas utilízanse de forma agregada, sen referencias individuais de ningún tipo. Non se conserva ningún dato persoal ou identificador de quen respondeu, e, unha vez gravada a información que conteñen, os cuestionarios son destruídos.

Agradecémoslle moito a súa participación/colaboración

Se ten algunha dúbida ou quere contactar connosco pode facelo aquí.