| Enquisas |
O CIS realiza unha media de corenta estudos ao ano, maioritariamente de natureza cuantitativa (por enquisa) e ocasionalmente de carácter cualitativo.
Os estudos por enquisa realizados polo CIS pasan a depositarse no Banco de Datos quedando a disposición de todos os cidadáns, nun prazo de tres meses despois de finalizadas as tarefas de codificación e gravación da información. Están excluídos desta norma todos os estudos suxeitos a convenios de cooperación con algunha outra institución pública, os cales quedan a disposición do público un ano despois de entregados os traballos ao organismo promotor dos mesmos.
Os principais tipos de estudos cuantitativos que se realizan son os seguintes:
BARÓMETROS MENSUAIS
Dende 1979, o CIS vén medindo, cada mes, o estado da opinión pública española en relación coa situación política e económica do país e as súas perspectivas de evolución. Así mesmo, en cada Barómetro abórdanse temas referidos a aquelas cuestións que destacan na actualidade social, económica e política do momento. Dende 1998 eses resultados inclúense en Internet.
ESTUDOS MONOGRÁFICOS
Realízanse estudos de carácter monográfico que abranguen un amplo abano temático: xuventude, inmigración, estilos de vida, seguridade cidadá, cultura política, etc. Algúns destes estudos lévanse a cabo de forma periódica como os dedicados ao tema fiscal, valoración de institucións, o proceso de unidade europea, etc.
ESTUDOS DE ÁMBITO AUTONÓMICO E MUNICIPAL
Ademais dos estudos de ámbito nacional, tamén se realizan estudos dedicados a investigar a situación social e política das diferentes comunidades autónomas e dos principais municipios españois.
ESTUDOS ELECTORAIS
Con ocasión de todas e cada unha das consultas electorais que teñen lugar en España, o CIS leva a cabo estudos pre e postelectorais co fin de investigar as características do comportamento electoral dos cidadáns.
ESTUDOS EN COLABORACIÓN CON INSTITUCIÓNS PÚBLICAS (convenios de cooperación)
En resposta ás peticións de colaboración doutros organismos da Administración, o CIS leva a cabo, mediante un preceptivo convenio de cooperación, estudos específicos que tratan de satisfacer as necesidades de investigación de diferentes institucións públicas.
ESTUDOS INTERNACIONAIS
O CIS participa regularmente en proxectos de investigación de carácter internacional. Nos últimos anos participou, entre outros, na Encuesta sobre Fecundidad y Familia (FFS), coordinada por Nacións Unidas, no proxecto sobre Causas de la Inmigración Internacional do EUROSTAT (Oficina Estatística da Unión Europea), na enquisa sobre Role of Government do International Social Survey Programme (ISSP) e en distintos Latinobarómetros.
Ademais dos estudos cuantitativos, o CIS dispón tamén dunha serie de estudos cualitativos, cuxa realización encárgase normalmente a especialistas neste tipo de metodoloxía.
O Catálogo de enquisas recolle a información de todos os estudos dispoñibles.